miércoles, 23 de febrero de 2011

comunicado do PSOE que inclúe o problema de Toén


 
O PSdeG DENUNCIA O DETERIORO CONTINUO DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO OURENSÁ POLO GOBERNO DO PP

Os socialistas lamentan a falta de transparencia dos responsables sanitarios do PP na Comisión de Participación Cidadá, que un ano despois da última reunión non contestaron ás cuestión plantexadas para a súa resposta por escrito

Solicitan que se definan xa os órganos de participación contemplados na Lei de Saúde de 2008, e que se constitúa o Consello de Saúde de Área

Ourense, 22 de febreiro de 2011.- O Partido Socialista a través do seu secretario provincial de Sanidade, Alberto Fidalgo, e con motivo da reunión celebrada hoxe pola Comisión de Participación Cidadá, denuncia os continuos ataques por parte do goberno de Feijóo e o sistemático deterioro do sistema sanitario público ourensá.

En primeiro lugar e en contraposición á situación actual, Fidalgo  lembra que os tres anos e medio de goberno progresista na Xunta supuxeron a ampliación do Chou, a construción de centros de saúde como o de Entrimo, a Merca e Toén, a posta en marcha da unidade de hemodinámica, a renovación de ecógrafos e equipos tecnolóxicos, se deixou o Plan Director do CHOU listo para a licitación por fases, entre outras actuacións, e a redución case á metade das listas de espera quirúrxicas  e de consultas.

Pola contra, o Partido Popular paralizou e desbotou o proxecto dun novo hospital psiquiátrico, pecha o Hospital de Piñor como hospital xeral de crónicos, o que supón incrementar a masificación habitual do CHOU (non é infrecuente atopar 30 ou 40 pacientes en camas en pasillos de urxencias ou fora das habitacións), paralizou a remodelación das habitacións anteriormente iniciada, pecha unhas 70 camas hospitalarias, e paralizou o Plan Director do CHOU, co que non só non incrementan camas senón que as reducen.

Ademais sinala que o PP falsea as listas de espera quirúrxicas, como aconteceu nas últimas publicadas case duplicando a lista B oculta, e incrementa as esperas e dificultades de citación para moitas consultas externas.

Os socialistas denuncian tamén que non hai ningún investimento novo e tardaron dous anos en poñer en marcha a sala de radioloxía vascular xa adquirida anteriormente, así como tampouco que hai prestacións novas nos hospitais do Barco ou de Verín.

O PSdeG pregunta por que non constrúen xa os centros de saúde que quedaron proxectados, e por que a Xunta leva dous anos retrasando a construción do centro de saúde do Vinteún.

Os socialistas denuncian a rescisión de contratos, por exemplo de cerca de 40 facultativos, e critican que co medicamentazo a Xunta queira aforrar recortándolle dereitos aos galegos, cando todos os españois teñen os mesmos dereitos en canto ao acceso de medicamentos.

En canto a Atención Primaria, os socialistas manifestan o seu compromiso co Plan de Mellora de Atención Primaria aprobado polo goberno de Touriño co consenso de todo o sector sanitario de Atención Primaria, plan que tamén foi paralizado polo goberno de Feijóo. Agora resulta chocante que vendan como alternativa ao peche de camas de Piñor a Hospitalización a Domicilio ou a Atención Primaria sen dotalos de máis recursos, e incluso despois de habelos recortado.

Os socialistas lamentan a falta de transparencia dos responsables sanitarios do PP na Comisión de Participación Cidadá, dado que a maioría das cuestións plantexadas na reunión celebrada hai un ano para ser explicadas por escrito, (sobre a actividade nos centros concertados, as listas de espera…etc.), quedaron sen contestar.

Ademais, os socialistas solicitan que se definan xa os órganos de participación contemplados na Lei de Saúde de 2008, e que se diferencie claramente e se defina a Comisión de Participación Cidadá (artigo 26) e o Consello de Saúde de Área (artigo 25), no que se inclúen tamén responsables da saúde pública e a participación das asociacións de pacientes que nós consideramos absolutamente imprescindible, polo que solicitan se constitúa o Consello de Saúde de Área.

                        Un saúdo, Gabinete de Comunicación do PSdeG-PSOE

1 comentario:

  1. Si a la salida de Toén. Si a la construcción de un Nuevo Edificio de Rehabilitación Psiquiátrica en Piñor siguiendo el Plan Funcional aprobado con el consenso de los profesionales.

    ResponderEliminar