viernes, 4 de febrero de 2011

TOÉN: COMUNICADO DA A.G.S.M.


TOÉN: MÁIS ALÓ DOS DISCURSOS MINIFUNDISTAS


Hai xa moitos anos que o modelo de atención ao enfermo mental deixou de ser o hospital psiquiátrico. O cambio cara o sistema actual produciuse pola coincidencia e o esforzo común dende distintos ámbitos.
Dun lado, as asociacións de familiares e doentes, que reclamaron (primeiro do estado, e máis tarde das comunidades autónomas) unha atención integrada nos servizos de saúde e que así os coidados dos pacientes mentais deixaran de estar aillados dos mesmos, e que esta atención se mantivese cuns dereitos, inversións e calidade semellantes aos brindados noutras especialidades sanitarias.
Tamén contribuíu ao cambio o posicionamento dos profesionais da saúde mental, convencidos de que outro modelo non só era posible senón necesario para poder atender nunhas mínimas condicións éticas e asistenciais aos pacientes. A propia disciplina foise dotando de coñecementos e saberes que demostraba a necesidade de deixar atrás o modelo dos hospitais psiquiátricos e deseñar un novo, con unidades de saúde mental, infanto-xuvenís, unidades de internamento que debían situarse nos hospitais xerais, hospitais de día, pisos protexidos e, en definitiva, toda unha serie de recursos que axudarían a rehabilitación dos doentes e a súa integración na comunidade.
Moitos hospitais psiquiátricos en Europa foron pechando ao tempo que se implementaba esta rede asistencial que melloraba as posibilidades de recuperación das persoas afectadas por unha enfermidade mental. Outros, persistiron no tempo, con pacientes internados que, por diferentes motivos non puideron ser externalizados. Debemos sinalar, que en moitas ocasións, a falla de inversión en recursos intermedios (hospitais de día, equipos de continuidade de coidados etc.), a non implementación de outras modalidades de vivenda (pisos protexidos, minirresidencias), foron as verdadeiras causas.
Asemade, algúns hospitais psiquiátricos, acolleron as chamadas unidades de rehabilitación, ao non dispoñerse pola administración doutros edificios para as mesmas. Estas unidades non teñen como finalidade proporcionar unha residencia ou un lugar onde vivir a pacientes senón que, traballando paseniño e incidindo non só nos síntomas ou nos fármacos, senón en terapias rehabilitadoras en áreas como a conciencia de enfermidade, as habilidades diarias, a comunicación, o ocio e tempo libre, a ocupación, a formación e o laboral, deron atención a algúns doentes nos que a consulta ambulatoria e os ingresos breves nas unidades de agudos, non eran suficientes para acadar a estabilización da súa doenza.
Estas unidades, cumpre sinalar de novo, foron implementadas nos antigos hospitais psiquiátricos, non porque esa fora a súa ubicación idónea, senón polas inercias, polas dificultades habituais á hora de construír novas instalacións e  pola disposición de espazo e persoal nos antigos hospitais psiquiátricos.
Na nosa comunidade autónoma, os hospitais psiquiátricos tiveron e teñen moi diversas circunstancias, tanto arquitectónicas, como de capacidade, como de situación respecto aos centros das cidades nas que se ubican, coma de deseño, coma de facilidade de acceso a outros recursos intermedios e rehabilitadores, coma de dotación de persoal e de servizos e ata hai ben pouco, coma na dependencia administrativa (lembremos a peculiaridade do Hospital de San Rafael en Lugo, dependente da Deputación Provincial e sen rematar o seu proceso de transferencia ao Servizo Galego de Saúde).
No caso do Hospital Psiquiátrico de Toén, as instalacións son moi deficientes, o deterioro é importante, está alonxado da cidade e pese aos diferentes plans de reforma ou de traslado a realidade é que segue a ser o lugar no que ingresan doentes con patoloxías que precisan de intervencións multidisciplinares, activas e por períodos máis prolongados de tempo.

A Asociación Galega de Saúde Mental organización multiprofesional da que forman parte psiquiatras, psicólogos, persoal de enfermaría, terapeutas ocupacionais, traballadoras sociais e, en xeral, aqueles profesionais aricados á saúde mental en Galiza, quere, ao través da súa xunta directiva, sinalar a súa posición no debate sobre o traslado do Hospital Psiquiátrico de Toén.
Dende unha perspectiva asistencial é un lugar que non cumpre os requisitos mínimos para levar a cabo os procesos asistencias que se precisan neste tipo de doentes.
Dende unha perspectiva ética, incumpre a igualdade de trato da patoloxía mental fronte a outras patoloxías e a igualdade de recursos que debe existir entre os cidadáns das áreas sanitarias nas que está organizada a nosa comunidade autónoma.
Dende a perspectiva da Psiquiatría entendida como disciplina sanitaria e cun corpus de saber, o hospital psiquiátrico non é o modelo asistencial que proporciona as opcións terapéuticas axeitadas para a recuperación e estabilización dos doentes.
Dende a perspectiva da organización sanitaria, a rehabilitación psiquiátrica debe integrarse noutros recursos sanitarios adicados a rehabilitación médica, estimulando o traballo interdisciplinar e fomentando a saúde como algo integral.
Dende a perspectiva das características da área sanitaria de Ourense e da súa poboación de referencia, debe incidirse nas inversións sanitarias dirixidas ás patoloxías de longa duración, que requiren coidados rehabilitadores e que incidan en aspectos do enfermar tais como a prevención de recaídas ou a consecución da maior autonomía persoal posible.
Dende o punto de vista do estigma e da reinserción social dos doentes, debe procurarse a integración da atención á patoloxía mental nos recursos do sistema galego de saúde, evitando na medida do posible, hospitais aillados e monográficos.
Dende o punto de vista laboral, por suposto deben respectarse en calquer proceso de traslado os dereitos dos traballadores.
Dende un punto de vista lexislativo, o fin dos hospitais psiquiátricos coma modelo de asistencia aos enfermos mentais, recóllese no Informe Ministerial para la reforma psiquiátrica, punto 3.3. Tamén na Ley General de Sanidad 14/1986. E, asemade, na nosa comunidade autónoma, no Decreto de Saúde Mental 389/1994.

Dende a perspectiva dos organismos estatais (Plan de Salud Mental do SNS), internacionais (OMS, OPS) e dos comités de expertos, todos eles avalan o achegamento da Rehabilitación psicosocial ós núcleos urbáns como moito máis efectiva para acadar os obxectivos de reinserción e integración social, e desaconsellan a construción de novos hospitais psiquiátricos e propoñen o peche dos xa construidos.
E, finalmente, dende o punto de vista dos doentes e das familias, debe procurarse sempre a opción que permita acceder a un tratamento o mellor e máis digno posible.

Por último, dende a AGSM asistimos con preocupación a presenza no debate suscitado polo traslado do Hospital Psiquiátrico de Toén de argumentos que creramos desterrados para sempre na saúde mental e que reproducen tópicos, estereotipos e, en ocasións, prexuízos que xamais axudaron en nada aos doentes, as familias e ao sufrimento das enfermidades mentais e que, en moitos casos, teñen engadido dificultades a súa atención digna e axeitada.


A Coruña a 4 de Febreiro do 2.011

No hay comentarios:

Publicar un comentario