O anuncio do peche do hospital psiquiátrico de Toén está a desencadear respostas dende diferentes ámbitos. Os protagonistas dos discursos que aparecen nos medios de comunicación son membros do persoal empregado no centro, partidos políticos, o alcalde de Toén, responsables do CHOU e da Subdirección de Saúde Mental e Drogodependencias e os facultativos do servizo de psiquiatría que desenvolven a súa labor en Toén. De pasada, recolléronse as opinións das asociacións de familiares.
O discurso inicial viña caracterizado por expresións tais coma "o mellor hábitat para os doentes", "a imposibilidade de xuntar enfermos psíquicos con doentes de medicina interna", "o ar puro e as árbores do lugar".
Aos poucos, foron aparecendo outras expresións, coma por exemplo "hospital de saúde mental" que deu en substituír a "hospital psiquiátrico", "reforma" ou rehabilitación". Ao tempo, capas novas de discurso foron inseríndose, involucrándose no traslado de Toén a cuestión do número de camas de medicina interna ou se co traslado a Piñor, éste centro "alónxase de seren un hospital xeral". Poderíamos dicir que a nivel discursivo entramos nunha segunda etapa, onde os argumentos amósanse algo máis elaborados e aparecen unha condensación, coma nos soños, ao seren o traslado encrucillada de discursos moi distintos entre sí: os traballadores, o alcalde, o comité, a comisión, os partidos da oposición, os directivos do SERGAS.
Tamén, nestes discursos, hai silencios que chaman moito a atención. E estes silencios seguramente son distintos entre sí: estupefacción, bloqueos, alonxamentos, tomar boa nota...
Dende o blog do siso seguimos o desenvolvemento de todas as reaccións con moito interese. A nosa laboura, nestes intres, é tomar boa nota dos discursos que seguen a xerarse ao redor da loucura, tras reformas, contrarreformas, libros, proxectos, decretos e demais. De novo, todo aparece xunto, remexido, coma se o tempo non tivera pasado. E os lugares, tampouco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario