No percorrido que a firma ten na historia da humanidade pódese observar como se van despregando unha serie de funcións culturais.
De primeiras, a firma tiña unha función de xuramento sobre unha palabra dada. Case coma unha traslación ao gráfico deses xestos de veracidade como o apretón de mans, ou cuspir nas palmas ou mesmo certificar a verdade de algo pronunciado mediante o sangue. Se ben o xuramento era un acto “a dous”, coa grafía e coa firma un acto de verdade mudou a tres, esto é, dous individuos e máis a lei. Se ben o sangue pertence a identidade do suxeito, non é menos certo que esoutro líquido que é a tinta pertence tamén a unha identidade aínda que de tipo social, regulada e ordeada mediante a lei, formulada polo xeral en case todas as culturas nun código escrito.
A firma, aínda que nacera coma unha deriva social da identidade, tamén virou ao psicolóxico, En 1917 Ludwig Klages escribíu Escritura e Carácter, onde os trazos xa non só simbolizaban unha identidade só social, senón que tamén eran en sí mesmos símbolos das particularidades da alma ou da personalidade.
Noutro libro, escrito por Béatrice Fraenkel e titulado La firma: génesis de un signo, atopamos o paso previo a este retorno dende unha firma social e legal a unha firma individual e subxectiva: o carácter ornamental. Esto é, os adornos, o superfluo nunha firma non só ten unha finalidade de distinguirnos das firmas dos demáis (que non haxa dúas firmas iguais) senón que nese mesmo acto de diferenciación asoman cousas propias que anudan a firma e o nome propio.
É xustamente este nacemento da firma como acto subxectivo onde podemos atopar dous fenómenos ligados á firma: a reliquia e o fetiche.
A reliquia xurde cando a firma incorpora instrumentos e obxectos para a súa realización, coma por exemplo os selos impresos. Lembremos que reliquia é unha parte dun Corpo dunha persoa venerada por algún motivo. Ou algún obxecto que, por ter tocado ese corpo, é digno de veneración. Cumpre sinalar a propósito de firma e reliquia que dende fai séculos o corpo do rei é inseparable da súa firma, até o punto que os selos matrices que se imprimían validando a súa firma eran destruídos no momento da súa morte. Unha firma é unha reliquia en tanto e canto é un trozo ou porción dun suxeito e atribúense a ela os mesmos poderes que ao propio individuo. A relaciçon é logo reliquia-poder.
A firma en canto fetichismo pódese observar no fenómeno dos autógrafos, nos que algo do erótico deposítase nunha firma e a súa contemplación ou a súa colección xenera unha sorte de satisfacción da libido. É famosa a anécdota de Dalí, que ía moitas veces a cear ao restaurante Maxim´s de París e onde pagaba con cheques. Pois ben, estes cheques nunca foron levados ao banco para cobralos senón que os donos do local os conservaban polo carácter de fetiche da súa firma. A relación é logo fetiche-desexo.
O precedente histórico da recollida de firmas poderíase situar non movemento chamado Cartismo, xurdido en Inglaterra no século XIX e que pretendía unha mellora das clases traballadoras. O método escollido foi a escrita dunha carta ao Parlamento Inglés (de aí o de cartismo) onde se recollían seis reivindicacións principias: o sufraxio universal, o voto secreto, un soldo anual para os diputados (e que permitiría aos traballadores o exercicio da política), reunións anuais do Parlamento, a abolición do requisito da propiedade para poder asistir ao Parlamento e o establecemento de circunscripcións iguais (e que asegurasen a mesma proporción de votantes).
En Xulio de 1839, Thomas Attwood, deputado por Birminghan, presentou unha destas cartas, firmada por 1.200.000 traballadores, a pesar do cal, non foron aceptadas as súas peticións. Porén, este pode ser recoñecido como un dos primeiros acontecementos na historia no que se fixo unha recollida de firmas.
Ante o problema do psiquiátrico de Toén, os partidarios de non trasladalo e pechalo, iniciaron unha recollida de firmas chegando ata preto de 12.000. A finalidade semella distar moito daquelas reclamacións feitas polos traballadores ingleses e que foi precedente dos movementos obreiros.
As firmas estampadas pode que hoxe representen na superficie algo relativo ao poder: todos xuntos podemos conseguilo, imos paralo, non hai dereito, temos que reaccionar... Cada unha desas firmas funcionaría entón coma unha reliquia, como algo escrito en tinta e que representa o poder do suxeito. Tamén pode ser que, nunha primeira ollada, os suxeitos firmantes aparezan coma suxeitos sociais que se agrupan para algo relativo á lei.
Porén, o que anda por baixo, tamén pode ser a firma coma fetiche, como algo que represente o desexo do suxeito, un desexo no que un non indaga. E, coma fetiche, a firma xa non sería substituto dunha identidade social senón dunha identidade psicolóxica, coas súas grandezas pero tamén coas súas miserias. Coas súas lealtades pero tamén coas súas servidumes.
Por último, deberíamos tamén cavilar na firma dos doentes. Polo xeral, négaselle o dereito a que poidan simbolizar nun acto a súa propia identidade, xa se sabe, ao estar tolo, esa é toda a súa subxectividade. O poder do tolo sempre foi poñer en cuestión aos normais, deixarlles de diante un dilema moral e existencial: que facer coa loucura?, Que facer cos tolos? Estes dilemas pódense soterrar nunha reliquia (o Sanatorio de Toén), afastado, anticuado e esquecido. Asemade, este dilemas, poden agocharse mediante a forma dun fetiche, na que algunhas partes do tratamento integral (exemplo o aire puro ou as árboles) son erotizadas para transformar aos suxeitos doentes en puros obxectos que cumpre coidar coma quen se coida unha colección de plumas estilográficas.
Susana Díaz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario