martes, 12 de abril de 2011

NOTA DE PRESA DO COLXEIO DE PSICÓLOGOS


O Colexio de Psicoloxía de Galicia denuncia o trato desigual dos pacientes que sofren un trastorno mental con respecto dos que teñen outras doenzas

Manifestan que a Administración non destina recursos para a creación de infraestruturas sanitarias axeitadas

Estanse a usar as instalacións dos vellos hospitais psiquiátricos, inapropiadas para a rehabilitación destes pacientes

__________________________________________________________________

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2011 (Vía Láctea Comunicación).- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere poñer de manifesto a necesidade de eliminar o estigma que marca ás persoas con problemas de saúde mental. Consideran que a comprensión da sociedade é tan importante como os tratamentos específicos que recibe cada doente. Nesta liña, destacan que o estigma está relacionado en moitas ocasións co trato desigual destes pacientes con respecto dos que teñen outro tipo de doenzas.

Dende o Colexio de Psicoloxía sinalan que un dos pasos máis importantes que se ten dado para romper ese trato diferencial foi a eliminación do modelo decimonónico dos manicomios, no que prevalecía o illamento dos “loucos” lonxe do resto da cidadanía. Non obstante, aseguran que o modelo sanitario actual de atención a estes pacientes non cumpre coa normativa vixente, o que contribúe a reforzar o estigma. Así, lembran que a Lei Xeral de Sanidade de 1986, que supuxo un cambio na sanidade pública, deixa patente por primeira vez que non se pode segregar ás persoas con problemas mentais do resto dos enfermos, de cara a lograr a súa integración plena no sistema sanitario xeral e na sociedade.

A Lei subliña que se deben potenciar os sistemas de hospitalización parcial para estes enfermos, e que a súa hospitalización tense que realizar nas unidades psiquiátricas dos hospitais xerais. Tamén recolle que deben desenvolverse os servizos de rehabilitación e de reinserción social necesarios.   

Hoxe segue a afastarse a estes enfermos dos demais pacientes

A pesar de que a lexislación promove o desenvolvemento de dispositivos de atención a estes pacientes menos estigmatizantes e máis enfocados á súa rehabilitación, os psicólogos denuncian a falta de interese por parte da Administración. Manifestan que non se destinan recursos económicos para a creación de infraestruturas axeitadas. Como consecuencia, estanse a empregar as instalacións dos vellos hospitais psiquiátricos, inapropiadas para o labor rehabilitador e manténdose o estigma de que o tratamento dos enfermos mentais tense que realizar afastado do resto dos doentes. Ademais, denuncian que as actuais instalacións psiquiátricas non gozan dos requisitos mínimos para o traballo dos profesionais, ao non recibiren investimentos para a súa mellora.




Os psicólogos avogan por novas fórmulas para a atención das persoas con problemas mentais, na busca da súa integración social

Os psicólogos avogan por novas fórmulas para a atención destes pacientes como as unidades de rehabilitación psicosocial, pisos protexidos, unidades de media estancia, centros de día… “Trátase de dispositivos para que as persoas con problemas mentais se traten durante un tempo e logo se poidan integrar na sociedade” -sinalan-.

“Antes os enfermos mentais estaban ingresados de por vida. Agora téndese a un tratamento individualizado, á rehablitación para que poidan desenvolver con normalidade actividades persoais e profesionais, ademais da intervención familiar. A finalidade é que cando se lles dá a alta teñan capacidade de autonomía” -apunta o colectivo de psicólogos-.

O conflito do hospital psiquiátrico de Toén

En relación a este tema, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere deixar patente a súa opinión con respecto ao conflito que está a ter lugar no concello ourensán de Toén, co peche do hospital psiquiátrico e o traslado dos pacientes ao centro hospitalario do municipio de Piñor. Así, defenden o traslado destes enfermos, posto que “as instalacións de Toén están obsoletas”.

“Este conflito pon de manifesto, por un lado, a necesidade de procurar un trato digno ás persoas con trastornos mentais, a través dunhas instalacións equivalentes ás do resto de pacientes da sanidade pública en Galicia. E, ademais, facilitar un lugar axeitado para o seu tratamento rehabilitador, cumprindo as directrices marcadas na lexislación” -declaran-.

Dende o Colexio de Psicoloxía de Galicia consideran que “a resposta da Administración non se pode demorar, xa que as diferenzas entre unhas instalacións e outras estanse a incrementar  de xeito alarmante”. Nesta liña, afirman que “como exemplo, só temos que facer a comparación entre as instalacións de Toén e os últimos centros hospitalarios que se están a inaugurar en Galicia”. E sinalan que “se a Consellería de Sanidade ten entre as súas prioridades a eliminación do estigma da saúde mental, agora mesmo ten unha boa oportunidade de materializar ese obxectivo”.



PRENSA Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

981 554 407  /  639 768 929  …..  http://www.vialactea.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario