Anunciárase fai uns días neste blog a representación na Sala Nasa de dúas pezas teatrais por parte do grupo de teatro do Hospital de Conxo. A primeira levou por título O Saxofonista da rúa vella, e a segunda As raíñas magas pasaron polo hospital.
Gustaríanos sinalar que se fixo nunha sala que incide nas formas alternativas da cultura, cunha historia xa longa na cidade de Compostela e que é un lugar referente para o teatro e a música. Son estes tipos de visibilidade e de integración os que contribúen dun xeito claro á disminución do estigma (ver anterior entrada no blog).
N´O saxofonista da rúa vella exprésanse distintos conflitos do suxeito, tais como a identidade, a necesidade de eloxio, a capacidade de dicir non, o sinsentido da espera... Os personaxes preséntase no esceario ao través de pares asimétricos que, a súa vez, interaccionan con outros pares tamén de forma asimétrica, creando un efecto de subxectividade en cada un dos discursos moi interesante. O narrador, de novo un par composto por unha voz e un músico (o saxofonista) manteñen nun primeiro intre un diálogo entre eles que pretende explicar o que acontece na escea, pero segundo avanza a obra estes mesmos narradores pasan a seren un par máis que interactúa de xeito directo cos outros personaxes, diluíndose esa forma tradicional de entenderen tanto a voz en off como o narrador omnipotente.
As raíñas magas pasaron polo hospital parte dunha situación máis concreta: unha muller, acompañada pola súa parella, ingresa nun hospital para se operar. Pronto comeza a aparecer o elemento máxico ao redor do cal xira o argumento, a persecución por parte das raíñas da estrela de Belén. A música da obra foi adaptación dun dos actores e resulta do máis interesante o cambio de ritmos e estilos musicais aos que someten algunhas das máis coñecidas panxoliñas.
En canto á dirección, queremos destacar o pulo por a innovación, por achegar novas formas de expresión teatral ao grupo, alonxándose dos estereotipos das representacións feitas por doentes. Bo vestiatio, bo manexo da iluminación, diálogos fluídos... todas esas cousas que axudan a que os homes e mulleres que estaban enriba do esceario sexan o que deben ser: actores.
E ao final: ovación e público entregado.
E fago o que dixo unha das actrices: contádelle á xente o ben que o facemos. Pois iso, dito queda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario