Tras anos escoitando o interesante que sería poñer en marcha un blog para os socios e simpatizantes da A.G.S.M. por fin decidimonos darlle para diante. Haberá quen consulte a carta astral para ver se a cousa irá ben, ou regular, ou mal, que todo pode ser. Haberá outros que consulten o santoral e se fixen no patrón que nos ampara. Temos a ben informar que o Santo Eutiquiano é un dos propietarios de todos os oito de Decembro e que é coñecido por dar cristiana sepultura a todos os cristiáns mortos a mans dos pagáns. Asemade, o signo do zodíaco para os nacidos neste dia é Saxitario, cunha personalidade caracterizada pola honestidade, a simpatía e a sinceridade (aínda que tamén por seren algo inquietos e descuidados).
Porén, gostamos máis sinalar as características sociais, esto é, o contexto na que inauguramos o blog. O facemos no medio da ponde da Constitución, ao pouco de que o goberno decidira militarizar os aeroportos, e coa cidadanía aplaudindo e clamando por castigos exemplares. A outra noticia do día é a detención do fundador de Wikileaks, acusado en Suecia dun delito sexual é reclamado nos Estados Unidos por desvelar segredos do estado.
Por iso, a pesares de dar o paso cara o virtual coa creación dun blog, non podemos deixar de pensar a relevancia das realidades no mundo.
Militares nos aeroportos, defensa das sacrosantas vacacións, espías, filtracións cheas de banalidades e cun arume a Kissinger, ira nas salas de espera, remedos de Bernstein e Woodward, gorxas profundas sometidas á lei antitabaco, seudosindicatos e seudofolgas, o turismo coma esperanza para sair dunha crise (igualiño que valeu para sair dunha postguerra), a recuperación económica de Islandia tras deixar que se fundiran os bancos, o fracaso da proposta de Eric Cantona (acompañado dunha campaña publicitaria da súa parella para un banco francés), Rajoy de vacacións nas illas afortunadas e a saúde mental inquieta polo sorteo das gardas do nadal.
Todo semella nestes días que o mundo segue a ser o mundo pese aos inventos, o dominio de idiomas, as academias de alpinismo, a nova versión do ianus e as alienacións diante dunha pantalla co movemento dun rato como único xeito de praxe e resistencia.
Dicía unha famosa campaña publicitaria dunha marca de xabóns: "pola beleza real". Se tiveramos dispoñible para esta inauguración a alguén da Casa Real e unha botella de champagne gostaríamos moito de berrar: por unha saúde mental real (e non virtual).
P.D. tamén aceptamos o simbólico e o imaxinario. Que conste.
No hay comentarios:
Publicar un comentario